Ano de neves...

Teresa Moure, Carlos Reigosa, Marcos Calveiro, Xosé Neira Vilas, Bieito Iglesias ou Hixinio Puentes serán algúns dos principais protagonistas da literatura galega nos primeros meses de 2010. O ano comezará forte no eido da novela. Da man de Edicións Xerais, chegarán en febreiro a nova de Teresa Moure, A intervención, un xénero que a escritora monfortina non tocaba dende 2007 con A casa dos Lucarios, e tamén regresará Marcos Calveiro, con Settecento, unha novela histórica coa que segue a estela de Festina lente.
No mesmo mes Galaxia publicará A lei das ánimas, unha obra na que Carlos G. Reigosa revisita o mito da Santa Compaña, e Edicións A Nosa Terra prepara en breve os últimos textos de Bieito Iglesias e Xabier López Rodríguez, que aínda non teñen un título definitivo.
Máis próxima no tempo está a aparición da novela coa que Hixinio Puentes gañou o Premio Risco de Creación Literaria, A do vinteún, coa que volve ao mar tras o éxito de Mombars, o exterminador, e reproduce o mundo da Armada entre 1800 e 1810. Aparecerá editada en Sotelo Blanco nas vindeiras semanas.


O desxeo das neves, 1888
Giovanni Segantini (1858-1899)


O epistolario de Neira Vilas
No campo do ensaio e a investigación, destaca a publicación en Galaxia das Cartas de vellos amigos, un groso volume que recompila a correspondencia de Xosé Neira Vilas, e de Un longo e tortuoso camiño, de X.R. Quintana, que foi Premio Ramón Piñeiro 2009. En Edicións A Nosa Terra están a piques de aparecer un volume sobre Os pioneiros da aviación en Galicia, de Xosé Enrique Acuña e José Luis Cabo, e un Dicionario de surrealismo e surrealistas, de Xesús González. Tamén destacan A espiral no espello de Anxo Angueira e Lingua de calidade de Freixeiro Mato, as dúas en Xerais. En canto ás traducións, destaca a publicación d’A estrada, de Cormac McCarthy, por Faktoría K, e a d’A idade da inocencia, de Edith Wharton, en Sotelo Blanco. Rinoceronte, a editora especializada neste eido, prepara en breve unha edición da Saga de Eric o Roxo xunto a outras obras clásicas da literatura islandesa, traducidas directamente da versión orixinal. Xerais ten tamén no disparadoiro unha tradución d’O segundo sexo. II. A experiencia vivida de Simone de Beauvoir.
En poesía, en xaneiro aparecerán en Xerais dous poemarios de Ramón Cabanillas: Samos, en edición de Xosé Carlos López Bernárdez, e No Desterro, en edición de Xosé Ramón Pena. E están moi frescas as publicacións de Espiral Maior, Palabras para un baleiro, que lle valeu a Baldo Ramos o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, e Sebes contra o vento, de Alfonso Álvarez Cáccamo, así como o último poemario de Xiana Arias, Acusación, editado por Galaxia.
LOSADA, A. "Moure e Reigosa abren o ano narrativo", en Xornal.com, 12/01/2010.