Ediciós do Castro naceu en 1963, como parte do Grupo Sargadelos, para servir ao interese de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, xestores da empresa, de publicar libros que divulguen a memoria histórica de Galicia. Porén, Seoane finou hai 30 anos e Díaz Pardo foi apartado dos seus cargos en 2006, e agora teme que a nova directiva intente “pechar Ediciós do Castro”, segundo declarou onte en Santiago.
Díaz Pardo participou na presentación do libro de Xosé Manuel del Caño O contencioso Sargadelos. Conversas con Isaac Díaz Pardo, e acusou á directiva de Sargadelos, encabezada por Jose Luis Váquez de “querer desfacerse do contido cultural da empresa”. O histórico galeguista afirmou que xa ten presentada unha queixa “ante o poder xudicial, que prometeu que abrirá unha investigación sobre a xestión da empresa”. Sargadelos, un grupo cuns 300 empregados, viu reducidos os seus beneficios nun 30% en 2008 e presentou dous ERE nas súas dúas fábricas de cerámica de Cervo (Lugo) e Sada (A Coruña), para reducir a xornada de traballo, polo que os directivos non están a pensar no valor patrimonial da empresa.
Ediciós do Castro ten un fondo de máis de 1.500 obras publicadas, segundo Díaz Pardo, a maioría relacionadas coa Guerra Civil en Galicia ou coa emigración, aínda que tamén posúe a primeira edición das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, editada en 1968. Porén, no que vai de ano, Do Castro non editou ningún libro, e só tivo unha presenza testemuñal nos catálogos de 2008, o que aumenta as sospeitas do seu fundador.
Escultura de Isaac Díaz Pardo, en Oroso, Galicia.© Luis Miguel Bugallo Sánchez
O ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, expresara a posibilidade de crear unha Fundación Isaac Díaz Pardo –ou Fundación Sargadelos–, que se fixera cargo dos fondos de Ediciós do Castro e de todo o patrimonio cultural da empresa, no que se encadran un incontable número de documentos, cadros, textos e deseños cerámicos. Porén, a idea quedou parada co cambio de goberno, e o propio Díaz Pardo dixo que “agora o novo presidente ten outras cousas na cabeza”.
Xosé Manuel del Caño sinalou a fortaleza de Díaz Pardo, que aos seus 90 anos segue a presentar batalla polo legado que el creou, e comenta que nas conversas que recolle no seu libro, o galeguista expresa o seu medo a que se repita o problema da fábrica de louza Álvarez, de Vigo, “onde a xustiza lles deu a razón aos donos cando a empresa xa quebrara”. Sen querer ir contra Sargadelos, “que é de agardar que superen a súa situación económica”, Del Caño explica que tras a aparición do seu libro, publicado por Edicións Linteo, está a reunir a un grupo de intelectuais para que escriban textos en apoio de Díaz Pardo, que no futuro serán recompilados nun volume. Conta con ter máis de 200 sinaturas, e a primeira confirmada é a de Luis González Tosar, presidente do PEN Clube de escritores.
A. LOSADA, "Díaz Pardo teme o peche das Ediciós do Castro", en Xornal.com, 12/11/2009.
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada