Xavier Alcalá "contra el viento"

O escritor Xavier Alcalá, acusou onte a Ángeles Caso, gañadora do Premio Planeta coa novela Contra el viento, así como á editorial de apropiarse dun título seu. Alcalá, asegurou, en declaracións a Efe, que non descarta emprender accións legais contra a escritora e a Editorial Planeta logo de que optasen por unha titulación idéntica a dunha obra súa na versión castelá e publicada a principios dos noventa. Sinalou que non acusa de plaxio a autora asturiana, pero que esta vén de “crearlle un gran problema”. “Son o propietario innegable deste título”, asegurou o galego, que se preguntou como resolverán esta situación dende a Editorial Planeta.

Neste sentido, o autor afirmou que “o que non ten perdón, por parte desta muller nin do seu editor, é que non consulten o rexistro ISBN antes de editar a novela”. Xavier Alcalá explicou que a súa novela en galego Cárcere verde, foi comercializada por SM en castelán baixo o nome Contra el viento, co rexistro ISBN 84-348-4051-0 e con depósito legal M-11681-1994.

Por outra parte, o escritor achacou “á ignorancia” e a que a “xente antiga” o feito de que non comprobasen previamente se existía outra obra homónima. “É rechamante que unha editorial como Planeta cometa este erro”, sinalou.

“As malas linguas din que este é un premio falso, é dicir, sabían perfectamente o que estaban facendo desde facía tempo, e non se lles ocorreu ter en conta que o título puidese estar rexistrado”, comentou.


Árbores caídas polo vento, 1888
Iván Shishkin (1832-1898)

EN REEDICIÓN
Ademais, Alcalá explicou que a súa novela Contra el viento está actualmente en proceso de reedición noutra editorial. “Agora que se ateñan ás consecuencias e que non me digan que copiei ningún título”, aseverou. “Eu non acuso a esta señora –Ángeles Caso– de plaxio, acúsoa de que me creou un problema, e entre ela e a súa editorial téñenmo­ que resolver, porque eu agora non vou cambiar o título e a novela vouna reeditar”, resumiu. Alcalá indicou que neste momento un bufete de avogados e unha axencia literaria “están tomando conta deste asunto”. Xavier Alcalá ten varias ducias de títulos editados, o último, Habana Flash (2009) e colaborou en prensa en periódicos como El Ideal Gallego, ademais de traducir ao galego títulos como La isla del Tesoro.

"Xavier Alcalá podería denunciar a Ángeles Caso", en Xornal.com, 17/10/2009.