Estaba reclinado na mesa dunha cafetería do Calvario, en Vigo, saboreando un café cortado e lendo Canaima, impresionante novela de Rómulo Gallegos sobre a selva do Orinoco, cando nun descanso da lectura abrín o xornal e velaí a noticia da morte pola propia man de David Foster Wallace. O primeiro que pensei tiña moito que ver coa novela que estaba lendo nese instante: outro rapaz devorado pola selva! Despois de ler o obituario, sentín unha mágoa intensa pensando o que David me fixera gozar coas súas historias Brief Interviews with Hideous Men (Pequenas entrevistas con xente horríbel) e pensei mesmo a sorte parella que levara anos atrás o seu admirado Kurt Cobain (outro rapaz consumido pola selva!).
Cando falo de selva, por suposto, falo dunha selva interior, dunha sensación de baleiro e malestar, de angustia e tristeza, que vai medrando como liana envolvente nas mentes sensíbeis cando se confrontan coa realidade abafante da sociedade que nos ten tocado vivir. Supoño que este cúmulo de sensacións ten moito que ver coa capacidade de adaptación de cadaquén ao nicho ecolóxico onde habitamos, cos ideais que imos deixando polo camiño, coa ditadura da realidade, tan insoportábel para moitos, tan angustiosa para outros, tan laminadora de esperanzas para os máis. Fálase tantas veces de tendencias suicidas, mais eu non sei se existen de verdade ou son simplemente resistencias abortadas, dificultades de adaptación, selección natural dos máis sensíbeis. Quen sabe. A selva é así, inmensa na súa capacidade de absorción de enerxía, caótica no seu equilibrio, omnívora compulsiva, triste no solpor cando a luz foxe e atacan os cínfanos, pegañenta como sambesuga enorme, cruel cos febles e putrefacta no seu chan de follas acamadas e formigas podadoras. Que lles vou contar que non saiban da selva onde vivimos!
Akela, o lobo solitario, 1895
John Lockwood Kipling (1837-1911)
Non estou certo que fose o escritor máis significado da súa xeración. Abomino deses cualificativos grandilocuentes e inxustos, pois desprezan a variabilidade inherente ao acontecer artístico, mais do que estou certo é que encheu o meu tempo con ideas luminosas, con fragmentos de prosa magníficos, que me tocaron na cerna do ser. Non son amigo de recomendacións esaxeradas, pois o que a min me causou pracer pode ser vicio nefando para outros, presento pois o que sinto e máis nada. Para min foi imaxe dun innovador na literatura, na temática e na forma, tantas veces relegada ao ámbito académico, pois a literatura negocio case sempre abomina das novidades formais e procura produtos de consumo e lectura fáciles. David Foster Wallace viviu nesa fronteira salvaxe da literatura, cruzando a galope a chaira que antecede á foresta. Xa se sabe o difícil que é subsistir na selva dacabalo dunha besta!
Innovación, claridade de ideas, voz propia, triste máis non carente por iso de fino humor e de ironía, prosa tentacular, como se ten definido con certeira metáfora, a obra de David Foster Wallace e desas creadas para ficar, pois para algúns, como el titulara un dos seus relatos, Death is not the end.
Pouco máis que dicir pois que seguimos vivindo no vórtice da foresta. Se cadra unha curta, sincera e breve despedida: Deica logo, colega!
QUEIPO, Xavier. "Goodbye Pale!", en Galicia-Hoxe, 04/09/2009
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada