A verdadeira lingua de Europa é a tradución”. Esta afirmación de Umberto Eco deixa constancia do relevo que están a adquirir a importación e exportación de textos dentro da configuración do campo literario europeo. A apertura e o intercambio con outros culturas comezan a prevalecer no imaxinario do continente como procesos enriquecedores para a lingua e a cultura propias e, ademais, contribúen a fomentar o sentimento de respecto polos produtos culturais de países “pequenos”, non sempre considerados en pé de igualdade cos procedentes das grandes potencias. Tamén en Galiza a tradución está vivir un período de gran crecemento que se materializa non só na proliferación de textos traducidos nunha medida até o de agora descoñecida, senón tamén nun aumento dos profesionais da tradución, de coleccións –a Biblioteca Compostela de Narrativa Europea de Galaxia– e mesmo de editoriais especializadas en literaturas doutras latitudes –como Rinoceronte ou Urco.Para comprender a complexidade da relevancia dun fenómeno tan aparentemente sinxelo como a tradución, ninguén máis indicado que Antón Figueroa, un dos estudosos da literatura comparada con máis prestixio do noso país. Algunhas das súas obras –como Diglosia e texto ou Lecturas alleas– supuxeron un auténtico descubrimento da potencialidade dos estudos de literatura comparada para a comprensión do funcionamento de sistemas literarios coma o galego. Como explicar –e explicarnos– a importancia que están a adquirir as traducións na modernización da creación literaria?“As traducións teñen incidencia no sistema literario a través de dúas liñas” –declara. “En primeiro lugar, estarían as traducións feitas con criterios artísticos, que afectan ao que poderiamos chamar o campo de produción restrinxido, é dicir, ao conxunto de poetas, narradores, críticos e intelectuais en xeral que están máis intimamente ligados á creación. As traducións, supoñen para eles o achádego de novas tendencias artísticas e de usos novidosos da lingua fronte aos que teñen que reaccionar. Dá igual que as asuman, que as rexeiten ou que as ignoren: en calquera caso, a literatura propia resulta afectada polo paso dese novo fenómeno e abrolla renovada como consecuencia das diferentes respostas que os creadores lle dean ao seu descubrimento.”Figueroa chama a atención sobre o feito de que o texto procedente dun sistema literario distinto ao noso lese –en maior ou menor medida– fóra de contexto. Cando lemos a última novela de Orhan Pamuk, por exemplo, perdemos referencias á actualidade, á tradición literaria na que o texto está inscrito e mesmo a certos usos da lingua que poden ter implicacións estéticas e que colocan a obra nun lugar ou noutro dentro desa tradición. “Isto, que en certo modo supón unha perda, ten tamén un aspecto moi positivo que e é que se chega á literatura dunha maneira máis pura, menos condicionada por elementos externos á creación propiamente literaria. Creadores e público, ao enfrontarse deste xeito a outras formas de entender o literario, aumentan o seu caudal estético e coadxuvan a concibir novos vieiros para a literatura propia, novos usos creativos da lingua”.“En segundo lugar, están as traducións feitas con criterios máis comerciais, dirixidas ao gran público. Nos sistemas literarios pertencentes a países con linguas minorizadas, estes traballos adoitan ser valorados positivamente polo feito de que poñen en circulación o idioma, permiten ampliar as súas aplicacións e incrementar os seus usuarios.” Por exemplo, fenómenos de importación cultural que teñen pouca relación coa literatura seria poden converterse en fitos na estratexia de promoción da cultura. Figueroa cita casos como o da serie de debuxos animados Shin-chan, que tivo un enorme impacto no público infantil. “En circunstanciais normais, estes produtos comerciais adoitan xulgarse negativamente dende os ámbitos da creación cultural. Mais, en sociedades con linguas minorizadas, os seus efectos poden ser moi proveitosos para a normalización lingüística e, daquela, obteñen un valor engadido na apreciación das minorías cultas. O mesmo sucede coas obras consideradas ‘comerciais’: narracións adscritas a xéneros importados como o policial ou á novela histórica obteñen a indulxencia da elite cultural polo labor que exercen na captación de novos públicos para textos escritos na lingua propia.” O recente caso das novelas de Domingo Villar poderían constituír un bo exemplo.“En todo caso”, apunta Figueroa, “esta división é puramente teórica e, na práctica, unha tradución feita con criterios comerciais pode influír na creación literaria. E, aínda que é menos frecuente, outra elaborada con criterios artísticos pode ter efectos positivos no alargamento dos usos lingüísticos.”Criterios políticos e estéticosA mestura de criterios políticos e estéticos á hora de asignarlle valores ás obras literarias non é privativa dos sistemas débiles. “En todas as sociedades existe unha certa interdependencia entre o ámbito político e o artístico; cando falamos de unha novela francesa xa estamos a facer unha definición de carácter político na que entran en xogo distintas variábeis que van dende o apoio económico dun goberno á súa produción literaria até a creación dun arquetipo que –no imaxinario colectivo dunha sociedade determinada– responde á necesidade de verse reflectida nos produtos artísticos que orixina. O que varía é o grao de autonomía do campo literario a respecto das circunstancias. Nunha sociedade como a galega, esa soberanía do literario está moi supeditada a condicionantes políticos e económicos: a situación de minorización da lingua, a existencia dun mercado alleo invasivo… No interior deste panorama, as traducións poden ser un elemento que colabore activamente no proceso de autonomización da creación literaria.”O papel dos críticos reflicte a natureza da recepción que obteñen as novidades vindas de fóra. En moitos casos, relégase a análise literaria en favor dunha acollida política que subliñe a importancia de acceder aos textos alleos na lingua propia. Son numerosas as críticas xornalísticas que fan fincapé nesta circunstancia e que, poñéndoa en primeiro plano, desculpan feblezas estéticas para non interferir na acollida que poida ter a obra en cuestión. “Efectivamente, trátase de crítica política e non de crítica literaria. Eu non digo que unha ou outra estean ben ou mal, pero o crítico debe decidir se fai crítica literaria ou crítica política. Non se poden facer ambas a un tempo, aínda que a crítica literaria tamén ten consecuencias políticas que poden ser beneficiosas para o sistema”.A tradución non é un requirimento imprescindíbel para a importación de correntes literarias que fecunden a literatura galega. Figueroa recorda o sucedido coa Nova narrativa, cando Ferrín, Mourullo, Gonsar e outros tomaron o modelo do nouveau roman francés e doutras tendencias literarias foráneas “e que se converteu nun fito fundamental no camiño da literatura galega cara á súa independencia da acción político. Coa nova narrativa deuse un paso fundamental para que a literatura galega deixase de ser exclusivamente unha literatura de compromiso –coa lingua, coas circunstancias políticas do país…– e se transformase nun ámbito artístico que producía obras que estaban na mesma liña que o resto da produción mundial, situándose mesmo por diante da literatura española na converxencia coas vangardas internacionais”.É certo que naquel momento non existían traducións ao galego das obras que se tomaban como patrón pero, na actualidade “a existencia dun corpus de traducións e dun intercambio continuado coas literaturas do resto do mundo é un requisito obrigatorio para estar presente no espazo literario internacional, para que se recoñezan as particularidades da nosa cultura e incluso para que a propia sociedade galega teña máis confianza nas súas potencialidades”. A tradución democratiza o acceso ás novidades e supón o principal medio de acceso a formas orixinais de entender a interacción entre a sociedade e o literario “o que significa, en definitiva, que ten un papel privilexiado no proceso de estabelecemento do prestixio dunha literatura no conxunto da literatura internacional, niso que se deu en chamar a República Mundial das Letras”.MATO, Mar. "A tradución revoluciona o galego". Faro de Vigo, 6/04/2008.
A tradución ao galego no 2008
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada