O temor dos editores tiña fundamento. Logo de varios meses de demora sobre a data prevista inicialmente, a Consellaría de Cultura vén de confirmar que este ano non haberá axudas á tradución de libros. Nin se recortan, como aconteceu coas dos grandes proxectos editoriais, que baixaron un 25%, nin se modifican, como está a acontecer con outras políticas herdadas do goberno bipartito. Por primeira vez nos últimos cinco anos, non se convocarán.
Se Galaxia quere publicar en galego o novo de Haruki Murakami ou Orhan Pamuk, como viña facendo nos últimos anos con estes e outros autores, caso de Paul Auster, terá que facelo sen a axuda da Xunta. E o mesmo halle acontecer a Xerais, sexa nas versións de autores estranxeiros –Daniel Pennac, John Updike, François Bégaudeau, entre outros–, sexa na importación de autores cataláns como Sergi Pàmies ou Quim Monzó. E así con todas as editoriais galegas, dende Faktoría K a Rinoceronte Editora, entre outras, que nos últimos anos viñan traballando neste campo.
O departamento de Roberto Varela está convencido da utilidade destas axudas, que entre outras cousas responden ao espírito da Lei do Libro e a Lectura que se aprobou na pasada lexislatura, e así llo fixo saber aos editores. Outra cousa é que teña capacidade para conservalas agora mesmo. “A partida reservada para estas subvencións”, explican dende a consellería, “é demasiado pequena, polo que é necesario esperar ao ano que vén”. O compromiso, preparar unha nova convocatoria para 2010 a final deste ano. A dotación, un interrogante.
L. Miguel Bugallo
Esta liña de subvencións, que o equipo de Ánxela Bugallo herdara do último executivo comandado por Manuel Fraga, triplicou a súa contía durante a pasada lexislatura. En 2008 chegou ao seu nivel máximo, con 295.387 euros repartidos entre 120 proxectos de tradución, cen obras estranxeiras (ao galego) e vinte escritas orixinalmente en galego (a outras linguas).
En realidade, a suspensión temporal destas axudas era previsíbel. Debían convocarse a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) no mes de maio, como se fixera o ano pasado, ao mesmo tempo que as destinadas a promover eses grandes proxectos editoriais de indubidábel interese cultural que teñen, porén, certas dificultades para rendibilizarse no mercado. Lanzadas estas últimas o pasado 25 de maio, iso si, cun recorte dun 25% sobre 2008 –219.982 euros, 75.400 menos–, a aparición das outras no DOG debía ser cuestión de días. Non sendo así, e toda vez que os editores non foran convocados para compartir con eles a redacción das bases correspondentes para o concurso, a demora só podía ser un indicio do que agora vén de confirmar Cultura. A decisión, segundo a Xunta, enmárcase nas políticas de austeridade ditadas por Núñez Feijóo.
MARTÍNEZ, Iago. "Cultura prescinde das axudas para a tradución de libros". Xornal.com, 17/08/2009.
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada