A presada de relatos que Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) puxo en Amor de Artur terá unha segunda oportunidade no mercado editorial español. O selo madrileño Impedimenta recuperará antes de final de ano a versión castelá da obra publicada orixinalmente en galego na editorial Xerais (1982). Esta versión, asinada polo poeta Xavier Rodríguez Baixeras e a profesora Moncha Fuentes, xa vira a luz en 1990 no catálogo de Debate.
Méndez Ferrín, autor “totémico” e “maldito”, que funciona “como referencia de todas as novas xeracións de narradores galegos”, como argumenta a editora na súa folla promocional, terá máis sorte con Amor de Artur da que tivera con Contra maquieiro (Xerais, 2005). A tradución ao castelán do seu retorno á poesía, que deixara con Estirpe en 1994, foi rexeitada por Hiperión e a acabou sendo publicada, coma as obras de tantos outros escritores galegos anteriores a Ferrín, na illa de Cuba. A edición, a cargo do selo Arte y Literatura, presentouse coincidindo coa celebración da Feira Internacional do Libro da Habana de 2008, na que Galicia era o país convidado.
Os cinco relatos de Amor de Artur compoñen un dos títulos máis celebrados do primeiro e último Premio Nacional de Literatura galego –destácao Impedimenta–, e verán a luz antes de final de ano cun prólogo do editor lugués Constantino Bértolo, director dun dos selos máis incómodos de Random House Mondadori, Caballo de Troya. Están, a canda outros títulos, entre as novidades que a editora madrileña prepara para a volta do verán.
DE MIRCEA ELIADE A EUDORA WELTY
La hija del optimista, unha tradución da norteamericana Eudora Welty que asina José C. Vales, serviralle a Impedimenta para celebrar o centenario do nacemento da autora. Con todo, no último cuadrimestre de 2009, a autora de Las manzanas de oro terá que compartir protagonismo con Ferrín e outros catro autores: George Perec (Un hombre que duerme), Mircea Eliade (Novela del adolescente miope), Boris Savinkov (El caballo amarillo) e Stanislaw Lem (Valor imaginario) completan a rentrée da editorial madrileña.
"Impedimenta recupera a tradución castelà do 'Amor de Artur' de Ferrín". Xornal.com. 13/08/2009
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada