Sobre o Ulysses de Joyce

O título da novela, que fai alusión ao héroe da épica clásica de Homero, lémbranos a importancia do que T. S. Eliot chamou "método mítico". É dicir, Joyce establece en Ulysses toda unha serie de paralelismos co mito clásico que son empregados polo autor para explorar a condición da vida moderna. As analoxías coa mitoloxía funcionan ademais como parodias que cobran especial relevancia no contexto da Irlanda de principios de século que Joyce está a retratar. En último termo, a novela tece toda unha complexa rede de implicacións baseadas precisamente no establecemento de analoxías, simetrías, paralelismos e parodias, que resultan fundamentais para unha interpretación consecuente da mesma. O paralelismo máis evidente é a viaxe heroica de Ulises no seu retorno a Ithaca (sic) despois da guerra de Troia, o motivo que subxace a toda unha trama narrativa e que Joyce invoca de xeito burlesco no deambular errático do xudeu-irlandés Leopold Bloom por Dublín durante o único día de xuño de 1904. O propio autor aclarou os paralelismos homéricos nun esquema que fixo público despois de que a novela vira a luz e que traza a correspondencia de cada un dos 18 capítulos cun episodio concreto da épica clásica.

Con todo, a pesar da recorrencia de certas correspondencias estructurais e temáticas, nin as referencias de carácter simbólico nin as entrañas estilísticas e lingüísticas se poden explicar de xeito mecánico cando nos somerxemos na lectura dunha novela tan complexa e caleidoscópica como Ulysses. Así o recoñece Xavier Queipo na súa reflexión sobre a experiencia "hercúlea" de traducir a novela cando aclara que é unha "obra mutante e babélica" (51). Efectivamente, a novela muda continuamente de discurso, de estilo e mesmo de lingua de capítulo a capítulo, pero, tamén nun mesmo episodio e aínda máis, nun mesmo parágrafo, precisamente para suxerir a mutabilidade e a multiplicidade da experiencia. Da descrición dunha acción pasamos sen transición á evocación da resposta mental dun personaxe, e da conciencia dun individuo á doutro sen máis indicación que o emprego dunha determinada verba ou a selección dun determinado detalle. Máis ca dun texto estamos a falar aquí dun hipertexto saturado de referencias, connotacións e alusións mediante as que Joyce explota as posibilidades de significación da lingua inglesa ata límites insospeitados. Non hai en Ulysses usos inofensivos da linguaxe, ao contrario, os xogos de palabras, as recorrencias léxicas, os poemas, as citas literarias, as cantigas, pero tamén a elección de nomes propios, as referencias xeográficas, históricas e políticas conseguen crear unha complexa rede de significado onde nada é só o que (a)parece.


Non é pois extrano que Ulysses teña dado tanto que falar no ámbito dos estudios de tradución onde a obra de Joyce é observada polos críticos como paradigma único para o debate teórico sobre as posibilidades e imposibilidades que acompañan a tarefa do tradutor. O certo é que Joyce ataca a noción de que o contido está disociado da forma ou, o que é o mesmo, que é posible desligar o significante do significado. En Ulysses a linguaxe non constitúe unha canle de comunicación transparente, senón que funciona poñendo significados que se van creando a partir dun entretecido de invocacións e evocacións. Máis alá do establecemento de referencias claras, as palabras invocan significados alleos, non inmediatos nin evidentes, que o propio texto vai evocando a través desa complexa e caleidoscópica creación de referencias da que falaba con anterioridade.

A linguaxe convértese aquí na gran protagonista xa que, como destaca Fritz Senn, unha autoridade no que respecta á tradución da obra de Joyce: "there seems to be more to the handling of language than ever before" (27). Segundo o prestixioso crítico, o tradutor de Ulysses atoparase con dificultades que probablemente non teña experimentado nunca antes xa que os usos "opacos" da linguaxe fan que o texto orixinal deba ser lido como se fose unha tradución ou, como explica el, como unha continua "intra-tradución".

[...] No caso concreto de Ulysses, independentemente de teorizacións sobre se é "posible" ou non traducir un texto desta envergadura, o feito de que existan innumerables traducións deixa en evidencia o carácter teórico e mesmo utópico deste tipo de reflexión crítica. A verdade é que as traducións que saen normalmente ao mercado non se fan para os críticos nin os teóricos, senón para un público lector que, por suposto, cre que a tradución é a arte do posible e mesmo se achega ao texto traducido como se ese fose o único texto.


CANEDA CABRERA, Teresa. "Quen lle ten medo a James Joyce?: Reflexións en torno á inminente tradución galega de Ulysses" [versión íntegra], en Viceversa, n.º 12, 2006, pp. 79-91.