A publicación de manuais universitarios redactados nunha lingua minoritaria e minorizada, como aínda hoxe é o caso do galego, é sinal de que se dan pasos importantes cara á normalización da lingua. Os profesionais da filoloxía, e en xeral as persoas preocupadas polos temas da crítica literaria, contan agora en galego con este manual de crítica literaria que permite un achegamento inicial aos principios básicos e actuais desta ciencia, ou mesmo se queremos arte da crítica, desde o propio galego, sen ter que pasar pola alfándega do castelán ou doutras linguas. É unha satisfacción para o profesor de literatura galega, que ten que recomendarlle ao alumnado unha obra de iniciación xeral á crítica, poder recomendar un manual tamén en galego.
O libro, coordinado por Arturo Casas, aparece dividido en 18 capítulos ou partes onde se tratan distintos temas da crítica literaria, estruturados en tres bloques: aspectos teóricos, xéneros literarios e a relación da literatura con outras artes. De cada capítulo ocúpase un especialista de recoñecida solvencia. Cómpre salientar que o manual non queda no tratamento do que podemos chamar teoría da literatura, senón que no seu terceiro bloque dedica capítulos específicos á relación da literatura coa fotografía, co cine, coa música, coa banda deseñada ou coas novas tecnoloxías. Isto volve o manual extraordinariamente atractivo e ata novidoso nun campo coma o da filoloxía aínda hoxe case exclusivamente dirixido cara ao soporte tradicional do libro impreso en papel.
Se comparamos este manual con outros do mesmo tipo e aconsellados para os niveis de iniciación universitaria ou similares, especialmente os editados en castelán, temos que sinalar que é moi superior a eles pola súa actualización científica, a completísima bibliografía que ofrece en cada capítulo, a síntese que realiza de diferentes escolas críticas ou mesmo pola modernidade de considerar a literatura en relación co cine, a banda deseñada ou as novas tecnoloxías. Xa que logo, cando recomendamos este manual non estamos a medir os libros galegos cun metro de oitenta centímetros, segundo célebre expresión dun crítico galego dos anos setenta.
Johan Heinrich Füssli (1741-1825)É mágoa que manuais coma este queden circunscritos ao ámbito galego (e penso, por exemplo, noutro manual desta mesma colección, irmán maior do que agora comentamos, o Manual de Ciencias da Linguaxe) e que incluso no ámbito galego sexan moitas veces invisibles, pois axentes difusores do libro, como poden ser librarías ou medios de comunicación social, non adoitan poñelos no "escaparate". Calquera parvada escrita en castelán, coma a última chocallada do secretario de Cela, ocupa máis espazo en moitas das nosas librarías ou mesmo xornais e revistas. Se os autores optasen polo castelán para a escritura deste manual, seguro que ocuparían un lugar de privilexio nos suplementos de cultura de moitos xornais de ampla tiraxe. É preciso que obras coma esta se divulguen en Galicia e tamén fóra de Galicia, incluso acudindo á tradución, como se fai desde hai tempo con novelistas galegos.
Debemos sinalar, non obstante, que o libro gañaría moito en sucesivas edicións se o estilo se fixese máis adecuado ao que debe ser a linguaxe empregada por un manual. A ciencia, tamén as chamadas ciencias humanísticas, debe utilizar unha linguaxe elegante, pero clara e concisa. Sobran nalgunhas páxinas os incisos entre o suxeito e o verbo que volven difícil a lectura, a sintaxe complicada innecesariamente que altera a orde lóxica da oración só por buscar unha aparencia falsa de lingua culta, a abundancia de elementos coordinados e estruturas bimembres e trimembres que nada engaden, o abuso do condicional de suposición, os retrousos e adverbios baleiros de significado, os adverbios en -mente que nada achegan... Como exemplo desta sintaxe, moi característica por outra banda nalgúns dos nosos filólogos e que debe ser alixeirada, podemos citar o capítulo 1: «O estatuto actual da crítica literaria».
Xa que logo, hoxe cómpre amosar a satisfacción de contar cun manual universitario galego e en galego que supera en calidade aos que se publican máis aló do Padornelo, que ademais exemplifica moitas das técnicas literarias tradicionais e innovadoras con textos tomados de escritores galegos.
CASAS, Arturo (coord.). Elementos de crítica literaria. Vigo: Xerais, 2004. 689 pp.
Texto: Manuel Rodríguez Alonso (Cartafol de libros), 4 de abril de 2005.
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada