A Real Academia Galega analiza as "Bases"




O pasado 30 de decembro de 2009 a Real Academia Galega recibiu do goberno galego o documento titulado Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia (no sucesivo, Bases). Velaquí o seu pronunciamento público trala análise:

1. A Real Academia, despois dunha análise ponderada e allea a calquera interese que non sexa a da defensa do noso patrimonio máis prezado, considera que o proxecto gobernamental denominado Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia é inaceptable, pois supón un claro retroceso na protección e promoción do idioma galego en relación coa lexislación vixente e co estipulado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004 por tódalas forzas integrantes do Parlamento galego, e que o actual Goberno, en boa lei, debería respectar e desenvolver.

2. A Real Academia considera que a proposta é inconsistente legalmente e que o seu contido entra en contradicción coa letra e o espírito da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía de Galicia, tal e como reflicte a xurisprudencia desenvolvida nos anos posteriores á súa promulgación.

3. A Real Academia Galega considera que a proposta é irresponsable no sentido estrito de que o Goberno non asume as responsabilidades propias da Administración educativa senón que deriva a outros ámbitos gran parte das responsabilidades que lle acaen segundo as leis ás que se debe. Faino, ademais, dun xeito confuso e non rigoroso, co grave perigo de converter a cuestión lingüística nun motivo de permanente conflito na sociedade galega.

4. A Real Academia Galega considera que a proposta é insostenible dende o rigor pedagóxico e sociolingüístico. A RAG, tal e como se razoa e aconsella no comunicado Unha lingua para todos (vésperas do 17 de maio de 2009), entende como un valor moi positivo avanzar no multilingüismo, mais estas Bases que invocan o plirilinguismo non só non o fan viable na práctica senón que ademais semella que tal bandeira trilingüe se utiliza para ocultar a perda e subtracción educativa do idioma galego.

5. A Real Academia Galega, de acordo cos principios polos que naceu e que son a súa razón de ser, quere chamar a un diálogo e a un acordo social integrador, baseado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, froito do entendemento intelixente e o camiño máis aconsellable para saír desta situación conflitiva. O tempo é precioso para os bens da cultura, e máis aínda para unha lingua, como é o caso da galega, que vén de sufrir durante longo período histórico a desigualdade e o maltrato. Non se pode estragar máis tempo.

6. A Real Academia Galega considera que a lingua, o noso ben cultural máis prezado, merece o máximo esforzo de entendemento e xenerosidade e que Galicia non pode caer no risco de que, por estraños intereses, se converta o noso vital sistema educativo nun espazo degradado, con segregacións, marcas e conflitos, cando xustamente está nas nosas mans facer de Galicia un modelo de convivencia, de integración, tamén lingüística, un espazo de simpatía que sexa visto como unha referencia e exemplo. Para avanzar nese país fértil, a RAG considera que a primeira e irrenunciable tarefa común é a da protección, cultivo e proxección universal dos nosos recursos e valores culturais. De non ser ese o camiño, a RAG non calará endexamais cando estes recursos e valores sexan obxecto de maltrato ou desconsideración por aqueles que máis obriga teñen de custodialos.
A nosa lingua, o idioma galego, é un preciado e precioso ben común a partillar por toda Galicia, un valor e un recurso que nos une, que pertence á colectividade, sen exclusións, a quen o fala e a quen non, é un elo intelixente entre as xeracións do pasado, presente e futuro, unha contribución singular á diversidade universal, e nunca, nunca, debera ser motivo de discordia no fogar da convivencia democrática.

A Coruña, 16 de xaneiro de 2010