Xulián Maure, impulsor da Biblioteca Virtual Galega

En 1979, Xulián Maure puxo en marcha Edicións Xerais de Galicia, co apoio da editorial Anaya. Dirixiuna durante cinco anos de xeito case artesanal, pero axudou en parte a profesionalizar o sector do libro en Galicia, xa que foi dos primeiros en asinar contratos laborais cos escritores. Foi tamén subdirector Xeral do Libro dende 1984, e hoxe, parcialmente retirado, é membro activo da Asociación de Tradutores Galegos. Dende alí impulsou a creación da Biblioteca Virtual Galega no ano 2000, anticipándose ao auxe do libro dixital. Dende a súa ollada, a peor carencia do sector do libro galego está na incapacidade de xerar novos lectores.

Botando a vista atrás, por que iniciar unha aventura como fundar unha editorial na Galicia preautonómica?
Cando un bota a vista atrás o que percibe xa é unha interpretación do pasado. A miña aventura como editor, xa preautonómico, nace despois de cinco anos na editorial Anaya desde 1973. Alí publiquei as Bases para unificación das normas lingüísticas do galego e, co título de Lúa Nova, editei a primeira serie escolar de libros de lectura en galego. Daquela tamén coñecín o traballo que Ramón Bastardes e Max Cahner viñan facendo había xa quince anos en Edicions 62, en Cataluña.

E quixo ver algo semellante aquí...
Propúxenllo a Ramón Piñeiro, xa que as grandes editoriais non vían con bos ollos a incorporación das linguas nacionais ao ensino, pero a el pareceulle imposible atopar financiamento. Tiven que buscalo fóra, pois tiña claro, e sígoo tendo, que Galicia sen libros sempre levará as de perder. Coa experiencia acadada fundei Edicións Xerais con Germán Sánchez Ruipérez, de Anaya, como socio industrial.

Arrepentiuse de algo polo camiño?
Neste camiño creo que non dei ningún paso en dirección contraria. Ás veces penso que se eu tivese outro talante e sobre todo máis paciencia para acadar capital galego, hoxe a empresa que creei hai trinta anos non estaría dentro da multinacional de orixe francés Groupe Lagardère. Pero felizmente o valor cultural desta editorial pouco ten que ver co cambio de propietarios.

Aínda se parece en algo a Xerais de hoxe a aquela na que remataban algúns libros na cociña da súa casa?
A editorial que naceu no noso piso da rúa das Camelias de Vigo hoxe xa é unha moza cumprida e está ben casada co equipo que dirixe Manuel Bragado. Neste tempo o mundo editorial galego foise profesionalizando nas variadas técnicas de produción, pero aínda ten problemas difíciles no campo da difusión e distribución. Hoxe edítanse máis libros e a edición ten máis calidade, pero en xeral as tiradas son máis recortadas. Cando fixen os cen primeiros títulos da editorial non había subvencións e pouco se podía pagar en deseño e maquetación. Con todo eran os máis baratos do mercado e nos libros de texto as tiradas chegaban aos trinta mil exemplares. Foi a vantaxe de sermos os primeiros en facelo.


As tres idades, c. 1834
Caspar David Friedrich (1774-1840)

Eran tempos para selo...
Efectivamente, hai trinta anos era moi fácil ser o primeiro; había moito por facer e algo fixemos. Na primeira colección de peto Montes e Fontes publiquei o primeiro dicionario galego en galego, a guía de Galicia Enteira en doce tomos. A memoria histórica, hoxe promovida por unha lei, xa estaba na Memoria dun fuxido de Manuel González Fresco ou n’A guerrilla antifranquista en Galicia de Harmut Heine. Para que os cadros sindicais e as novas xeracións tivesen coñecemento do pensamento marxiano encargueille a Felipe Martínez Marzoa unha (Re)introdución ó marxismo. Non se vendeu moito, pero anunciaba a caída do muro de Berlín dez anos antes.

Xerais e Galaxia veñen de editar os seus primeiros libros dixitais este mes. Reaccionaron a tempo para subir ao tren?
Como empresas editoriais chegan, como calquera outra firma que apareza dentro de cinco anos. Para a lingua galega e os seus lectores o problema está en atoparse perdida entre millóns de textos dixitalizados noutros idiomas, que están dentro de calquera casa con só abrir a tapa do portátil. Agora chegan os portatextos de tinta electrónica e en menos do que pensamos serán alcanzables por calquera economía, como aconteceu cos teléfonos móbiles, e en galego poucos textos temos que levarnos á boca destes novos trebellos. Os políticos, que non ven máis alá das próximas eleccións, nunca pensaron que a mellor e maior biblioteca pública será unha biblioteca virtual.

Manuel Bragado asegurou no recente VI Simposio do Libro e a Lectura que o futuro das editoriais galegas no mundo dos libros electrónicos pasa por manter a súa posición dominante nos materiais educativos. Está de acordo?
É difícil coñecer o futuro. Con todo penso que todo o mundo editorial terá que sufrir algún tipo de reconversión ante as novas tecnoloxías e non debería seguir sendo dependente en exceso dos seus produtos escolares.

A Asociación de Tradutores Galegos (ATG) reaccionou case antes que ninguén ao novo escenario ao crear a Biblioteca Virtual Galega.
Os logros de www.bivir.com son sorprendentes. Acabo de baixar as estatísticas dos últimos sete anos e houbo case catro millóns de accesos, cunha media que supera os mil setecentos diarios. No que vai de mes houbo máis de mil cincocentas descargas. Cando se popularicen os portatextos multiplicarase a demanda.


  Dous homes contemplando a lúa, 1819
Caspar David Friedrich (1774-1840)

E cales son as súas carencias?
As carencias están patentes no catálogo reducido desta biblioteca virtual: cento cincuenta traducións desde o ano 2000. A Asociación de Tradutores Galegos ofreceulles a políticos tanto do PP e do PSOE como do BNG un programa para traducir catro mil folios de literatura universal cada ano con destino a esta biblioteca virtual e a falta de visión dos responsables da cultura e da normalización lingüística fixo que todo quedase en nada.

Como ve hoxe o sector do libro?
Hai un grande esforzo dos editores por presentar traducións e ensaios en lingua galega. Tamén hai unha queixa constante da falta de lectores. Apenas existe unha demanda espontánea de libros galegos e creo que é aí, no ámbito da demanda, onde hai que facer o maior esforzo. Subvencionouse a produción do libro e non se fixo moito por promover a demanda.

Que vieiros se lle ocorren?
Que pasaría se se presentase na TVG un grande concurso de lectura galega, apoiado por prensa e radio, deseñado e presentado por profesionais, con variados agasallos e un piso como premio final? Cada trimestre poderíase tratar no concurso un par de obras, novelas ou ensaios sobre un tema de actualidade, ofrecidos por un euro en librarías e quioscos. Os editores terían menos subvencións, pero nun par de anos terían máis clientes. No Val Miñor hai un incremento da lectura en lingua galega grazas ás iniciativas do Instituto de Estudos Miñoranos e sobre todo a nivel infantil, coas actividades do Espazo Lectura dirixido por Concha Costas e Rosana Estévez. É mágoa que un problema público, como é a promoción da lectura en lingua propia, dependa ante todo das iniciativas privadas.

Como lembra a súa experiencia como subdirector xeral de Libros, Bibliotecas e Arquivos na Xunta de Galicia?
Agora hai vinte e cinco anos que pasei pola Xunta. Como primeiro subdirector xeral do libro tiña todo por facer. Como viña de cinco anos duros de traballo na creación de Edicións Xerais e sabía o que se facía en Cataluña, creei as primeiras axudas á edición de libros galegos. Pasei gran parte do tempo planificando porque apenas había orzamento para executar. Promovín o nacemento da Asociación de Tradutores Galegos e deixei máis de vinte folios con proxectos que remataron inacabados. Algúns aínda se poderían facer hoxe en día.

Por exemplo, poderase retomar algunha vez o proxecto de crear unha editorial de titularidade pública en Galicia? Que beneficios tería?
Sinceramente creo que Galicia segue necesitando unha Editora Nacional. Estas palabras están recollidas na recente Lei do Libro, aprobada polo Parlamento galego. Debería ser un servizo público en mans de profesionais, como unha boa televisión pública, que ofrecese libros apetecibles para os galegos de tódalas idades. Penso que sería unha boa maneira de crear novos lectores que terminasen sendo bos clientes para editores e libreiros.

LOSADA, A. "Xulián Maure: Os políticos non entenden que a mellor biblioteca pública sería unha virtual" en Xornal.com,  23/11/2009.