Traducir a contracorrente


Dende aquí queremos amosar o noso apoio ás editoras galegas que apostan por continuar traducindo títulos malia a vergonzosa decisión do actual equipo da Xunta de non convocar este ano as axudas á tradución, vital para a cultura galega. Un apoio que facemos extensivo á Asociación Galega de Tradutores e aos colegas de profesión.

_____________________________________


As editoriais seguirán os seus plans de tradución "con ou sen axudas"

Cando remate a parálise estival propia de agosto, Rinoceronte Editora publicará en galego a antoloxía Poesías do desamor, de Cesare Pavese, e o ensaio As leis fundamentais da estupidez humana, de Carlo M. Cipolla. Galaxia prepara a inminente tradución da última novela de Murakami, 1Q84, así como a narrativa completa de Edgar Allan Poe, e Xerais sacará á luz dúas obras de Steiner, After Babel: Aspect of Language and Translation (1975) e George Steiner at the New Yorker.

O mercado galego de traducións asegurá a súa andaina, pese as dúbidas que sementou a decisión da Consellería de Cultura, en nome da austeridade, de non convocar este ano as axudas para sostelo –que tocaría cobrar en 2010–. Os responsables de Xerais, Galaxia, e Rinoceronte, as editoriais que poñen nas librerías máis versións en galego de autores estranxeiros, confesan a súa intención de non recuar nin un paso nos seus plans editoriais, mentres os cartos cheguen, aínda que non descartan unha redución no número de títulos no vindeiro ano.

Victor Freixanes, director da Editorial Galaxia, critica que se anuncie o atraso nas axudas “estando todos de vacacións” e asegura que recortalas “sería unha moi mala noticia”. Segundo explica, o plan editorial de Galaxia nos últimos anos baseouse en “autores contemporáneos e competitivos”, como o xa mencionado Murakami, Orhan Pamuk, Andrea Camillieri ou Paul Auster, “cuxas últimas obras apareceron en galego antes que en castelán”. Iso representa “un esforzo importante” e unha dura batalla nas feiras internacionais, na que as axudas da Xunta foron un arma moi útil. “Poderemos seguir sen elas, pero talvez haxa que publicar menos títulos”, sentencia Freixanes.

Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, confirma que seguirá publicando traducións “con ou sen axudas!”, porque considera que “son fundamentais para que o sistema editorial galego sexa autónomo de calquera outro”.


Á ESPERA DA SEGUNDA PARTE

Non entende porque se recúa “nun dos maiores acertos do bipartito”, pero agarda que a desaparición das subvencións sexa só un “trasacordo momentáneo” e confía en que a Xunta demostrará a súa boa vontade co pagamento da segunda partida das axudas xa concedida polo anterior goberno para os libros publicados no segundo semestre de 2009, e que se terá que facer efectiva antes de finais de ano. “Non quero nin pensar a posibilidade contraria”, engade. Moisés Barcia, director de Rinoceronte Editora, lembra que sen o apoio económico da Xunta tería sido “inviable” pór en marcha un proxecto coma o seu. Rinoceronte naceu en 2005, ao tempo que o bipartito, e soamente publica traducións.

A súa estratexia é complementaria á de Xerais e Galaxia, xa que apostan por autores en linguas minoritarias ou por obras nunca publicadas en castelán, do sudafricano J. M. Coetzee, o francés Michel Houellebecq, o finés Arto Paasilinna ou o islandés Einar Már Gundmundsson.


O emigrante, 1924

Hans Baluschek (1870-1935)


“As traducións xa son máis custosas que as obras orixinais, e nós temos a dificultade engadida de atopar xente co suficiente dominio de linguas como o finés”, di Barcia, a quen os cartos públicos lle serviron nestes anos para “pagar entre o 50 e o 70% do salario dos tradutores. Asegura tamén que Rinoceronte seguirá adiante, porque a falta de apoio en Galicia, sempre quedan as axudas dos países de orixe dos autores aos que traducen.

Outra aposta por poder ler en galego a autores minoritarios foi Urco Editora, xurdida en 2008 e especializada en ciencia ficción e fantasía, con moitos títulos non dispoñibles en castelán. No seu catálogo están Ray Bradbury, H.P. Lovecraf, Robert E. Howard ou Edgar Allan Poe. Un dos seus responsables, Pablo Amado, destaca a importancia de que estes autores poidan ser lidos en galego en nome da “normalización”, e asegura que a vida de Urco non periga, pero que terán que reducir o número de títulos, xa que non poderán pagar servizos externos e terán que traducir eles.


DANO A TRADUTORES E LECTORES

Serán pois os tradutores os principais damnificados polo esvaecemento das axudas, e o presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Xosé María Gómez Clemente, recoñece que para o ano que ven haberá menos traballo. Porén, pensa que o máis grave é “o ataque aos lectores, que son un ben moi prezado”. Coas axudas formárase un mercado “moi digno, para as traducións e a Xunta non calcula as repercusións de perdelo”.


LOSADA, Arturo. Artigo publicado en Xornal.com o 23/08/2009.